Wednesday 01 de May de 2024

Feijóo destaca o compromiso da Xunta coa Catedral de Santiago tras dar luz verde ao investimento de 17 millóns de euros nas obras de conservación e restauración para os vindeiros cinco anos


Afirma que o convenio obriga a establecer un calendario de actuacións priorizadas de común acordo coa Fundación Catedral

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso da xunta coa Catedral de Santiago tras dar luz verde o Consello ao investimento de 17 millóns de euros nas obras de conservación e restauración que se acometerán nos vindeiros cinco anos.

Como indicou Feijóo, o Consello da Xunta vén de materializar o compromiso de dar continuidade aos traballos na Catedral desbloqueando un novo convenio entre a Consellería de Cultura, o Cabido Catedralicio e a Fundación da Catedral de Santiago, que establece o marco de colaboración necesario para poder completar as obras de conservación e restauración e, deste xeito, investir os fondos achegados polo Goberno central para este fin.

As actuacións de conservación e restauración que se realizarán
Segundo Feijóo, o convenio obriga a establecer un calendario de actuacións priorizadas de común acordo coa Fundación Catedral. Así, as primeiras actuacións de conservación e restauración que se acometerán serán o remate das obras na fachada do Obradoiro e na Torre das Campás, así como a restauración da fachada da Quintana. Por outra banda, continuarase coa restauración das cubertas do templo, que inclúe as capelas absidais, a capela Maior e a capela do Pilar; a acometida da cuberta, das escaleiras e da comunicación co claustro; a limpeza exterior da Torre do Tesouro; e a restauración das fachadas de Xelmírez e Abades.

Posteriormente, procederase á restauración interior da Torre do Reloxo, da tribuna e da fachada sur do claustro e á limpeza exterior da Torre da Vela e, finalmente, obrarase nas bóvedas do interior do templo, incluídas as absidais e a xirola, e nos paramentos verticais do conxunto. Ademais, acondicionarase o baixo cuberta na zona claustral.

Trátase de 16 intervencións cuxa data de finalización será decembro de 2020. Iranse entregando as obras a medida que se van executando e irase, en consecuencia, “repoñendo un novo aspecto dunha Catedral eterna”.

A creación de dúas comisións
Así mesmo, apuntou que, despois de poñerse de acordo co Goberno central, “establecemos un mecanismo para garantir a utilización correcta do diñeiro”.

A tal fin créanse dúas comisións: unha executiva e outra de seguemento, paritarias, entre o Goberno de Galicia e as autoridades da Catedral. No que atinxe á comisión executiva, Feijóo explicou que cumprirá as súas funcións de aprobar os proxectos técnicos, de autorizar previamente as licitacións, de aprobar os pregos administrativos e de aprobación inicial das liquidacións e das certificacións da obra.

Conxuntamente, na comisión de seguemento aprobaranse e validaranse todas as xustificacións do correcto destino dos fondos, a validación das liquidacións das certificacións de obra, e tamén prevé que a licitación das obras debe realizarse pola Fundación Catedral mediante procedementos inspirados na contratación pública.

A Catedral: a tarxeta de presentación de Galicia
Como incidiu o titular da Xunta, a inxección económica do Goberno central permite manter a restauración da Catedral como unha das prioridades de actuación, sabendo e sendo conscientes de que esa catedral “é un símbolo dos principais valores culturais” e a principal “tarxeta de presentación deste pobo no mundo”. Por iso, cómpre seguir traballando para que estea nas mellores condicións posibles.

Feijóo lembrou que, con tal obxectivo, fíxose un gran esforzo nos últimos anos por parte do Concello, do Consorcio e da Xunta. Por tanto, como destacou o titular do Goberno galego, é certo que se fixo un esforzo moi importante, pero tamén que é necesario continualo para continuar e completar a posta ao día da Catedral.